
A Galicia
Despoboada
Unha ollada dende dentro
Dende mediados do século pasado, Galicia é vítima dunha grande epidemia que asola todo o seu tecido rural: o despoboamento. Escolas baleiras, falta de persoal médico e unha poboación fundamentalmente anciá. Estes son algúns problemas ós que teñen que facer fronte cada ano miles de pobos e aldeas en Galicia que, malia as adversidades e o pasotismo da Administración, seguen loitando por seguir adiante cos poucos recursos dos que dispoñen.
Fonte dos planos: David Siera, "Galicia y su interior | Fotografiando el rural gallego", YouTube.com
Os datos
Envellecemento e economía
Temas como a brecha urbano/rural ou o aumento das taxas de envellecemento son capitanean a actualidade do rural galego
En cifras
O despoboamento
O despoboamento é un dos problemas socioeconómicos mais importantes na actualidade da axenda galega, tal é así que, dende xa fai anos, figura nas enquisas de preocupación cidadá coma o quinto problema que mais preocupa ós galegos e galegas (precedido de asuntos coma o paro ou a sanidade).
Varios expertos xa definen este fenómeno coma “catástrofe demográfica”, unha expresión que une a “poboación” coa “morte”. Facendo referencia así a defunción paulatina dun territorio e o seu esgotamento demográfico, sucesos que, segundo os expertos, tiveron lugar a raíz dunha serie de omisións ou accións políticas ou socioeconómicas que afectaron directa ou indirectamente a ese territorio.
Galicia leva cargando nas costas este problema dende os éxodos rurais do século pasado, onde un grande conxunto da poboación do rural emigrou ós núcleos urbanos da costa, creando así unha tendencia ó longo do tempo que esténdese ata os nosos días. O rural galego incrementa as taxas de despoboamento ano tras ano. Dentro do ámbito estatal, Galicia é a comunidade autónoma que lidera o ranking de descenso de poboación no rural, seguido de Asturias e Castela e León, as dúas únicas comunidades autónomas que fan fronteira con Galicia.
​
O principal escenario deste fenómeno é as zonas interiores da comunidade, as cales contan coa maior taxa de despoboamento. Así podémolo observar nos datos que o INE fixo públicos entre o 2000 e o 2015, onde unha gran parte dos municipios destas dúas provincias superan o 20% de taxa, mentres que nas provincias de Pontevedra e A Coruña o descenso é moito menor.
A brecha demográfica entre o litoral costeiro e o interior é un feito na realidade galega. Nos tempos actuais, a mocidade nada no rural tende a mudarse ás cidades e vilas do litoral, posto que nas provincias de A Coruña e Pontevedra atópanse as cidades co maior número de habitantes de Galicia e, polo tanto, é onde se atopa a mellor oferta de traballo e vivenda. Pero esta “emigración interna” non é so provocada polo feito de que as cidades con máis habitantes se atopen no litoral, senón que tamén é provocada pola elevada dispersión xeográfica, xa que fai moi difícil e custoso prestar tódolos servizos en todos os núcleos de poboación. Exemplo disto son o transporte ou comedor escolar os cales triplican a media estatal.
Nun mundo globalizado coma o actual, a polarización entre o urbano e o rural é unha tendencia desenfreada. A brecha económica, de ingresos e de servizos públicos son o caldo de cultivo perfecto para que a metade do territorio galego se atope en risco demográfico. O despoboamento rural, xunto coa densidade de poboación máis baixa da historia, unha lonxevidade desproporcionada e un saldo vexetativo negativo levan a que na actualidade un 50% dos municipios galegos non cheguen a 12,5 hab/km², unha situación demográfica crítica se o comparamos ca media europea dez veces maior: 120 hab/km².
O tema dos cartos
O envellecemento
O dato é, canto menos, desolador: o 31,7% dos galegos que habitan o rural teñen mais de 65 años e só un 9,2% teñen menos de 16.
​
A taxa de envellecemento aumenta a súa porcentaxe de forma case imparable nos últimos tempos, rexistrando en 2021 a cifra de 207,3 % (5 puntos mais que en 2020, que acadou o 202,2%). A realidade é que esta problemática afecta a todas as comunidades da comarca, pero é no ámbito do rural onde máis se acentúa.
​
O rural padece dunha sintomatoloxía moi difícil de combater: a falta de mocidade. Estas comarcas, pobos e aldeas non teñen este pilar fundamental para a sustentabilidade do tempo, o futuro de un pobo ou dunha aldea sen infancia é traxicamente incerto e, en Galicia, o implacable envellecemento comeza a amosar manifestacións de forma brutal. Xa son cinco os concellos que non teñen a ningún neno matriculado en primaria, (San Cibrao das Viñas, Taboadela e Vilariño de Conso, na provincia de Ourense e Paderne e Coirós, na provincia de A Coruña), a esta cifra lle segue outra de equivalente magnitude, actualmente hai 18 pobos con menos de 7 nenos matriculados en infantil, datos que, sen dúbida algunha, desvelan o terrible estado da organización demográfica no tecido rural galego.
Dende dentro
Santiso e Melón
Con taxas de envellecemento que acadan as tres cifrase unha poboación que non chega ós 2000 habitantes, estes dous concellos representan o vivo e crudo exemplo do que supoñe o despoboamento en Galicia.
Santiso e Melón
Dous casos
Santiso e Melón son dous municipios galegos da provincia de A Coruña e Ourense. Ambos figuraron este ano na lista de concellos con menos de 10 nenos escolarizados en Educación Infantil.
Santiso

Fachada do edificio da Casa do Concello de Santiso, na perroquia de Arcediago. Foto de arquivo.
O concello de Santiso localízase no sueste da provincia da A Coruña, ó carón do río Ulla, que lle serve de límite fronteirizo có interior de Pontevedra. A poboación de Santiso non acada os 1.600 habitantes, os cales se estenden nun basto territorio de 65 km2 dividido en 17 parroquias.
​
A taxa de envellecemento de Santiso segundo o INE acada case o 500%, é dicir, que a proporción infancia-vellez é totalmente absurda. Dos 1.529 santiseses que figuran no padrón, 88 son nenos de menos de 15 anos. Segundo o censo de 2021, en Santiso houbo un total de 30 defuncións e 6 nacementos. Datos que esbozan un panorama alarmante para o sostemento da comarca no longo prazo.
​
A Parroquia de Arcediago é o que podemos considerar o “centro urbano” de Santiso, aí é onde se localiza o ultramarinos onde a xente fai a compra, o CEIP e a Casa do Concello. Manuel Adán é o alcalde de Santiso. Inscrito polo BNG, leva no posto dende 2013, é nativo de Santiso e el mesmo nos confesa a súa tristura ó ser testemuña directa da decadente evolución do seu pobo natal.
​
O alcalde dunha parroquia tan reducida coma Santiso afástase moito do que a priori podemos concibir cando pensamos nun alcalde. A Manuel gústalle definir a súa condición como á “dun veciño máis”, sen distincións de ningún tipo.
​
En canto ó problema do despoboamento, en Santiso afróntano como boamente poden, cos recursos dos que dispoñen e, sobre todo, con moita forza de vontade e colaboración veciñal. Manuel sinala a impotencia que sofre un concello neste contexto, o cal non ten nin a responsabilidade nin os medios para ocuparse dun tema coma este. Ademais, recalca a falta de incentivos por parte da Unión Europea, a cal non amosa demasiada intención de aportar cartos e solucións.
CEIP de Arcediago

Vista dende a entrada das instalacións do CEIP de Arcediago. AGD
O CEIP de Arcediago é o único colexio nos 65 km2 que conforman o extenso territorio de Santiso. Actualmente conta con arredor de 40 alumnos de primaria e educación infantil, a maioría procedentes de Santiso, aínda que tamén teñen algún alumno dos pobos da contorna como Melide, en Lugo.
​
O colexio consta dun amplo patio de recreo con varias instalacións nos que figura o propio edificio central. Conta cun pequeno microbús que tódolos días fai unha ruta polas parroquias para levar ós nenos cada mañá. O profesorado está composto de catro profesores, entre os que figura o propio director do centro, Alfonso. Aínda que é nado en Melide (case a 5 minutos de Arcediago), leva coma director dende xa fai anos no CEIP de Arcediago.
En moitos aspectos, facer educación nese contexto tan reducido é case idílico. Malia todo, os nenos críanse e aprenden nun entorno rodeado de natureza e un ambiente que máis que un colexio, asemellase a unha pequena gran familia, moi afastado de esa idea da docencia que pode darse en núcleos máis grandes.
​
Alfonso afirma que non hai queixa no que a medios se refire, a financiación e os medios son os suficientes para levar a cabo a actividade do centro, pero si que amosa certo temor cando reflexiona acerca do futuro, onde por agora non hai un remedio definitivo ó tema da natalidade.
Melón
O concello de Melón localízase no suroeste da provincia de Ourense, concretamente na comarca de Ribeiro, limítrofe coa provincia de Pontevedra. O termo municipal está atravesado pola Autovía das Rias Baixas A-52. Cunha superficie de case 53 km2, a poboación de Melón consta de 1.135 veciños segundo o estudo do IGE do último ano, case 500 menos que Santiso.
​
A demografía presenta un panorama moi negativo. A taxa de envellecemento do último ano rexistrado (2021) acada case un 900% (case o dobre que Santiso). A franxa de idade entre 0 e 15 anos consta de 60 nenos (fronte os 550 da franxa +65), conformando unha idade media de 60,37 anos. Os nacementos en 2021 foron 4 e as defuncións, 26.
​
Melón divídese en dúas grandes parroquias conformadas por aldeas (en contraposición á dispersión parroquial de Santiso), Melón e Quíns, esta última comprendería o centro neurálxico do concello, onde se concentra a maioría de servizos, os cales presentan unha oferta lixeiramente máis ampla que Santiso, aínda que son moi dependentes de Ribadavia neste aspecto.
​
​


Fachada da Casa de Concello de Melón, centro neurálxico do pobo. AGP
Melón conta con dous centros médicos en cada parroquia, aínda que o centro da parroquia de Melón tivo que pechar na pandemia por non contar con Sala COVID. Ademais, contan cun servizo de bus que se despraza polas 22 aldeas que conforman o concello para levar á xente ó Centro Médico de Quins.
​
Cómpre indicar que dentro da poboación que conforma Melón, hai un pequeno sector provinte da emigración que retornou dende Alemaña, a maioría xubilados que veñen pasar a súa senectude ó seu pobo de orixe.
Centro cívico de Melón, onde se atopa o único caixeiro da zona. AGP
Outro factor que nos sinala Emilio é o illamento que sofre o interior de Galicia, que ó estar afastados do litoral, carecen de atrativo para as institucións, que malia as numerosas axudas promulgadas, estas non teñen ningún efecto práctico nin esperado.
E en canto ó tema da recepción de axudas por parte das institucións, Emilio sinala directamente a Europa, que demanda unhas exixencias desorbitadas e pouco coherentes coa realidade para acceder ós beneficios que ofrece.

As pozas de Melón, principal destino turístico do Concello. viajargalicia.com

Emilio Díaz
Alcalde de Melón
"Có turismo, a única ganancia que saco é a merda que me deixan"
Emilio non é partidario da implementación do turismo na zona. Con gran descontento indica o pouco respeto que amosan nos turistas en canto ó coidado o entorno cando visitan Melón.
A visión que nos amosa Emilio é, en definitiva, pesimista. Contraponse ó pensamento establecido xeral que a priori podemos intuir. Con certo ton derrotista asume a perda da "idiosincrasia" do rural no futuro, afirmando que a xente do rural "ve o mundo diferente", e iso non se recupera con "xente nova".

CEIP de Quíns
Do mesmo xeito que acontece en Santiso, O CEIP de Quíns é o único centro escolar que hai no Concello de Melón na actualidade (cómpre indicar que no pasado si que había outro, localizado na parroquia de Melón, pero pechou as súas portas fai máis de 20 anos).
O CEIP conta cunhas instalacións moi completas: 5 aulas, sala de dirección e sala de profesoree comedor, rodeado dun amplo espazo exterior de recreo. Cesar Grande é o director do centro, que capitanea un cadro docente conformado por 6 profesores. Coa súa testemuña ilústranos a perda paulatina de alumnado, que acadou este ano o record mais baixo de matriculados na historia da escola: 32.
César Grande, director do CEIP de Quíns, nunha entrevista no 2015. La Región
Neste tipo de centros, illados en grande medida da acción da administración central, a coordinación conxunta dos actores locais convértese en algo máis que esencial para levar a cabo proxectos que contribúan positivamente ó progreso da escola. Tal é o caso do comedor escolar, iniciativa conxunta do concello, escola e ANPA (Asociación de nais e pais) que, aínda que nun primeiro momento non contou coa aprobación da consellería de educación, conseguiuse materializar. Hoxe é un servizo de gran utilidade para os nenos de Melón e arredores, como ben indica César.
Impartir a docencia nestes núcleos rurais tan reducidos e illados pode que non sexa doado en moitos aspectos, pero dende logo, trátase dunha educación orgánica en tódolos seus matices. O ensino transfórmase nunha dialéctica enriquecedora entre mestres e alumnos, onde estes últimos tamén xogan un papel de mestres ó entroncar cursos, algo que dota á vida destas escolas de naturalidade, afastado de calquera sistematización e frialdade.
Malia o que pode parecer a priori, a pandemia non supuxo un grande inconveniente para o funcionamento do centro, é máis, experimentaron certa repunta na escolarización por mor do regreso de familias de fora, que decidiron pasar a pandemia no pobo.
"Neste tipo de educación, os nenos crecen con máis autonomía, son capaces de desenvolver a súa propia aprendizaxe"
César Grande
O que queda
O futuro do rural
Aínda que o panorama non é sinxelo nos últimos anos, a poboación tende a movilizarse para revertir a situación
Solucións
Existen
O despoboamento en Galicia e o seu impacto, ademais de ser un feito consumado, supoñe unha crise que necesita imperiosamente dunha solución, xa que, malia ser un problema herdado case do século pasado, está sendo agora cando se empezan a amosar as primeiras manifestacións, que tentan trazar ese futuro incerto para o noso rural.
​
Na actualidade, as institucións están xogando ese papel de eixe que vertebra o sostemento dese rural despoboado, dende o nivel máis autonómico ate os estratos europeos. Os organismos oficiais tenden a actuar neste conflito mediante a emisión e promoción de cartos e investimentos, tal é o caso do último paquete económico de axudas para facer fronte ó éxodo rural da mocidade: 5 millóns de euros de axudas para incentivar a incorporación de xóvenes ó sector agrario mediante incentivos económicos.
​
Pero estas medidas, en troques de facer fronte ó miolo do asunto, remendan temporalmente os problemas que se presentan, actuando como parche, como medicina paliativa. Esta reflexión compártena de xeito case unánime gran parte dos estudosos e expertos nesta materia. O xeógrafo e profesor da USC, Carlos Ferras Sexto, experto en Xeografía Humana e demografía, leva gran parte da súa vida profesional adicada ó problema da organización territorial galega. Denuncia a falta de debate que hai sobre o tema nas esferas políticas e sinala que “existe un ambiente social de resignación e de conservar máis que de progresar”.
Pódese dicir moi rápido, pero facer fronte o despoboamento non é unha cousa sinxela, senón que máis ben é complexo e, sobre todo, corrosivo, e é que todo apunta a que os nosos núcleos urbanos tampouco se libran desta terrible epidemia nun futuro, o que delata a deficiente sistematización dunha organización territorial galega que aboca a un fracaso constante e se replica nos espazos e no tempo. Non hai máis que botar unha ollada ó saldo natural en Galicia, “tendo en conta que soamente en 2 municipios galegos, dos 313 existentes actualmente, hai un saldo natural positivo, é dicir, con máis nacementos que mortes, os núcleos urbanos máis grandes non se libran dun despoboamento”.
​
As institucións, que ó final son quen posúen os medios para actuar, non conciben o problema como algo “estrutural”, senón que, digamos, estiran o chicle, cando as solucións deberían pasar por cousas máis intrínsecas, como ben indica o doutor Ferras: “Pois se Galicia fose un fogar, necesitaría unha reforma pasando da “man de pintura a decoración” aos cambios nas estruturas do edificios: nos planes, cimentacións, tabiques…” Pensemos en cambios no mapa de municipios, no papel das deputacións, na conexión entre o sistema produtivo e o sistema educativo…”.
As medidas
Dentro dos plans de acción que poñen en marcha as institucións, os expertos sinalan que algunhas medidas poden chegar a prexudicar, a pesar da efectividade que tamén supoñen grande parte de elas. O economista de ICAI, Jorge Díaz-Lanchas, elaborou este ano precisamente falando destas medidas. El mesmo confesou nunha entrevista ó Diario de Teruel que ve moi difícil reverter a situación cun envellecemento tan alto.
​
Hoxe pódese dicir que se están a aplicar dous tipos de medidas: por unha banda, as medidas que se aplican a grande escala, tal é o caso das chamadas “políticas de natalidade”, que procuran reverter ese saldo natural negativo xa citado; por outra banda están as políticas aplicadas a localizacións máis pequenas, como municipios ou entidades territoriais inferiores, como as políticas fiscais sobre o chan, por exemplo.
​
O profesor Díaz-Lanchas sinala a importancia destas últimas, as de corto alcance, para paliar ós efectos do despoboamento incipiente e, sobre todo, recalca o perigo que teñen as medidas emanadas dende grandes estruturas, xa que estas poden incrementar ou minorar o ritmo do envellecemento de xeito moi inestábel. Segundo o profesor, as medidas de natalidade, citadas anteriormente, son contraproducentes, dado que a mocidade tende a mudar cara ós núcleos urbanos en caso de concibir un fillo. Jorge opta polas políticas de aplicación pouco extensiva, como é o caso das políticas fiscais, que teñen un resultado positivo e incentivan o asentamento de empresas nesas áreas máis despoboadas.

"Hai un envellecemento tan brusco que vexo complicado reverter a situación actual"
Jorge Díaz-Lanchas
O rural contra o despoboamento

Logo da organización cidadán ´Interior Galego Vivo´ IGV

IV asemblea de Interior Galego Vivo en Folgoso do Courel. La Voz de Galicia
O rural non se libra da especulación económica e das redes clientelares que, dende IGV, reportan a súa existencia. “Fálase moito do "rural" ("a lexislatura do rural", "volve ao rural", "ruralízate"...) desde as institucións, mais sen o rural ou sen todo aquel rural que non forma parte dunhas estruturas clientelares e dunhas redes de poder cronificadas que só agudizan a doenza practicamente terminal que padecen múltiplas comarcas do país se non aplican medidas de discriminación positivas e posibilidades de futuro reais”. Denuncian o uso perverso da asignación de BICs (bens de interese cultural) para a captación indiscriminada de fondos europeos.
​
Afastada do meramente político e burócrata, IGV leva a cabo a súa acción de sostemento do rural dende o máis cotiá ata o máis xeral. Cunha forte aposta polo municipalismo, foron os principais promotores da Federación de Asociacións da Ribeira Sacra, unha liga de grande relevancia dentro da Reserva da Biosfera. Como ben indica Antóm, “o rural sen servizos non pode vivir”, que fai referencia a cousas como “o pediatra, a atención primaria, oportunidades formativas, axudas a lanzar proxectos de produción agraria e transformación…”. A ausencia de servizos do rural é un dos principais males e trabas que acaecen para unha posible recuperación, e isto é imposible que se materialice sen unha política fiscal propia “non hai unha medida principal mais unha batería de medidas que deben coordinarse e que si que teñen un fío ou necesidade común: unha política fiscal propia que incentive ficar e resistir no rural, ao menos por encanto só se pode resistir”.
Remitíndonos ó xa dito por Manuel Adán (Alcalde de Santiso), actualmente non existe unha organización conxunta e unitaria dentro do plano de movementos cidadáns ou accións propias por parte da xente do propio rural, os representantes e defensores dos que sofren o despoboamento non “reman” a unha no tecido rural galego. Non obstante, existen fai anos diversos actores do rural que, dende a acción política, social e mesmo cotiá, tentan denunciar e tratar de revertir a situación.
​
Tal é o caso de Interior Galego Vivo, un movemento cidadán da zona do sur de Lugo que, xunto coa extinta Galicia Baleira, encabeza a representación política da defensa do rural e da loita polo despoboamento. O seu enfoque do problema que sofre o rural pon en dúbida os intereses económicos e todo o sistema detrás desta patoloxía demográfica e ven imperativo que a solución pase necesariamente pola estrutura de raíz, como, por exemplo, unha fonda reforma da política fiscal rural.
​
Cunha reflexión máis doce que agrea pronúnciase Antóm Fende (voceiro do grupo municipal `Por Chantada - Candidatura de Unidade Popular´ e integrante de `Interior Galego Vivo´), acerca do envellecemento en Galicia: “Só queda teimar no optimismo da vontade gramsciano fronte ao pesimismo da razón dos nosos violentos anos vinte: organización, traballo e acreditar que se hai futuro está no rural”. IGV leva denunciando dende a súa fundación que a estratexia de axudas vixente das institucións mais os seus plans de sostemento do rural a longo prazo non responde á demanda do rural, senón que son resultado de un mercantilismo da terra e un sometemento do rural ó turismo.

Antom Fende no pleno do concello de Chantada en 2019. Diario de Lemos
Unha das principais razóns que nos levan a esta situación débese á diferenza de emprego instalado no plano urbano: 65%; fronte ao localizado no ámbito rural: só un 2%. Este fenómeno fai referencia á nomeada “brecha económica urbano-rural”.
Se observamos os ingresos obtidos polos estratos máis baixos da poboación percibiremos unha disparidade urbano/rural de 862€. Aínda que este non é o estrato máis diferenciado. existe unha desemellanza coas rendas máis altas de 5.000€ ao ano. Esta “brecha de ingresos” é un forte atractivo para as novas xeracións que, xunto có descontento cos servizos públicos, atrae talento xove ás cidades.
Un elemento que explica este descontento entre a mocidade do rural está ligado ca “brecha de satisfacción cos servizos públicos”. Se nos centramos na educación, a satisfacción da poboación tende a diminuír canto maior é o municipio. A cara oposta vémola no sector sanitario, onde o descontento é maior canto máis pequena é a localidade; algo similar ao que acontece no ámbito do transporte.